
Cousas de hai tempo
Eran os primeiros anos da década dos cincuenta. Alí apareceu, como por arte de maxia, un home grande, corpulento, con pantalóns de xenerosísimas medidas e dunha cor moi próxima ó branco, camisa de abundantes dimensións e fina tea, zapatos a dúas cores e un delicado sombreiro. Toda a xente falaba del, e os mais vellos con sorprendente familiaridade, como se non houbese estado ausente. Os nenos estabamos abraiados. Era a gran noticia, non se falaba doutra cousa. As especulacións encol do seu capital ou das súas mulleres formaban un universo sobrenatural na cabeza dos rapaces daquel tempo, limitados na información ós contos que algun maior xenerosamente nos doaba, ou das animadas tertulias que se facían na casa dalgún veciño nas noites do inverno en armónica compaña dunha partida de cartas, alguén zurcindo ou fiando e, os máis, somentes a escoitar. Achegarse a falar con el era unha categoría, os mais pequenos non nos atreviamos a dicir nada: Era O Cubano
Pasaron os días e as noticias de diario voltaron a ocupar a primeira plana das conversas. A actividade principal desta nova persoalidade ía centrarse fundamentalmente na caza, nas doctas e autorizadas informacións arredor do mundo interior e exterior e, como non, no amor. Pasado o fortísimo impacto que produciu neste cronista a súa chegada, había que estar atentos ás leccións que se puideran aprender.
Polas mañás, avanzado o día, aparecía por detrás da cerca, cunha escopeta ó lombo camiño do monte e da caza. Tódolos días aparecía cun coello ó remate da súa andaina. A habilidade para o oficio ía agrandando cada vez máis na miña mente o mito. Un venturoso día ofreceuse a levarme de acompañante. Baixamos polo Montoar, a Costa da Cruz, procurando escaparlles o máis posible ós toxos e mailas silvas, e chegamos ás chousas de Gondulfe.
Coellos non vimos ningún. Eu miraba coa máxima atención por se aparecía algo digno de poñer ó cinto, el non perdía moito o tempo en observar. Parecía como se soubese previamente o punto exacto onde tiña que saír a caza.
De súpeto, atopándonos nas Cambelas, xusto na entrada onde miña nai ten unhos castiñeiros, apareceu a peza que el realmente buscaba. Sacoulle os cartuchos á escopeta e entregouma. Nese momento sentinme unha grande autoridade facendo todo tipo de ocorrencias, apuntando aquí e alá. El, namentras, facía uso nun espacio non moi escondido da xesteira doutra arma que levaba escondida. Pero, como quizais fose ecoloxista, deixou voltar a peza á libertade sen facerlle ningún mal........
En ningunha xornada de caza podía faltar un coello de trofeo e como a min me debeu considerar compañeiro de batidas, non tivo reparo en sacar do peto, abríndome o seu secreto, os restos do mesmo animal, non cheguei a saber onde o mercara, que regularmente lle facía compañía, e a quen lle perdoaba, incluso o cheirumio que despedía despois de varias semanas. Os dous contentos para a casa.
Moi feliz me fixo aquel home coa escopeta. Quizais a única recompensa que lle dei foi a de avisalo de que debía cambiar de coello. Aquel día comprendín o verdadeiro valor das armas.
Jesús Batán